ALBA DE VALES
Sobre
ALBA
Comecei no teatro e cos títeres na adolescencia, e foi no Institut del Teatre onde afondei en teatro xestual, de títeres e obxectos. Son actriz, titiriteira e ourensana, medio de cidade; medio da aldea. Creo espectáculos que valoran a vida e as historias da aldea galega, dende o meu proxecto final de estudos titulado “O Palleiro”. Viaxei para formarme máis en marionetas e colaborei en proxectos internacionais.
Desde 2020 desenvolvo o meu proxecto persoal “Á procura da xograresa”, creando unipersoais de pequeno formato centrados na oralidade. Traballo con diversas compañías galegas e en múltiples iniciativas culturais e artísticas.
Participo en proxectos pedagóxicos para a mocidade, público infantil, adulto e senior, promovo o teatro como ferramenta de aprendizaxe e memoria. Nas miñas xograrías, ademais dos monicreques, obxectos e a xestualidade, integro a música popular e tradicional galega, enriquecendo así a experiencia escénica.»
Non dubides en coñecer os meus espectáculos e obradoiros www.albadevales.com
UNHA XOGRARÍA DE ALDEA
Unha xograría das memorias na aldea. Entre historias de vida sobre a lingua galega, a fala, a galeguidade ou a aldeanía. Volve á terra, ou fica nela! escoitando romances de cego, contos tradicionais ou cantigas de tradición popular. Historias, obxectos, risa, teatro, música e reflexión para tódolos públicos.
Público: tódolos públicos
Duración: 50 min
CONTOS ARREDOR DE NÓS
Contos, historias, cantigas tradicionais manifestan o saber e sentir do ser oprimido e da súa comunidade. Nós. Historias de antes soan lonxe, ou a conto, pero por desgracia a súa normalidade é imperante hoxe e hai que coutala. Non imos esquecer o camiño aberto polas devanceiras. Hai moito por contar! Sabedoría tamén alegre da que aprender, da supervivencia nun mundo capitalmente de homes.
Público: Adulto
Duración: 45 min
CONTOS ARREDOR DO LUME
Contos Arredor do Lume é unha compilación de contos, cantos e imaxes evocadas pola xograresa Alba de Vales. Achéganos o lume nas súas distintas formas e virtudes. A través dos contos e historias, fálanos de solidariedade, agarimo, comunidade e coraxe, que precisamos para andar o noso camiño propio. Alumeando co candil que prende a nosa chama interna, e que este espectáculo nos quere avivar.
Público: Infantil
Duración: 45 min