ÁNGELES GOAS ABADÍN

Un día, o Gonzalo de Goás foi acompañar á Angelina da Lamagrande dende a feira de Gontán ata Romariz. E foron todo o camiño calados e, cando chegaron, el mirou para ela e díxolle: “Oes, do que falamos… nin palabra!”

Sobre
ÁNGELES

Ángeles Goás nace no 1972 nun pequeno barrio de Abadín, provincia de Lugo.
Recibe os seus primeiros contos da súa tía Victorina e da súa avoa Mamá Flor. Tanto lle gustaron que fixo do escoitar un deber e do contar unha necesidade.

Agora leva as historias por todos os recunchos do país e tamén goza enormemente debuxando e creando historias con palabras.

Encántalle contar do que lle contan, do que escoita, do que calou de nena… algunas son histoiras tinguidas de realidade, outras coa tinta caprichosa da memoria ou tecidas con fantasía. 

690 670 288

CARAPUCHIÑA E OS CINCO LOBIÑOS

Carapuchiña e os cinco lobiños é un espectáculo de narración oral e música onde a grande protagonista é unha Carapuchiña Vermella que vive unha aventura un pouco diferente. No seu camiño, a falta dun lobo, hai 5 lobiños que son tan pequerrechiños que caben na súa cesta.

A combinación da narración de Ángeles Goás e a música de Cristina Castro crea un ambiente no que os máis pequechos da casa estarán entretidos e gozarán coa familia.

Duración: 30 minutos

Público: 0 a 3 anos

CONTOS DO FOCO, DA TORRE E DA LAMAGRANDE

CONTOS DO FOCO, DA TORRE E DA LAMAGRANDE é un espectáculo de narración oral, composto por unha selección variada de contos propios e de tradición oral.

É unha viaxe ás historias que me acompañaron desde nena… e non tan nena. Son relatos que escoitei no colo da familia ao pé do meu Abadín cando a voz dos maiores tiña o poder de deter o tempo. Historias que falan de quen fomos e de quen seguimos sendo: da xente que xa non está, das criaturas que habitaban os camiños, das lendas que se murmuraban en voz baixa e dalgunhas verdades… ou non verdades.

Podemos dicir, tamén, que é mestura de memoria, retranca e a imaxinación para reconstruír un mundo que non desapareceu: simplemente estaba agardando a que alguén o chamase polo seu nome: Foco, Lamagrande, Romariz… lugares reais e míticos ao mesmo tempo, onde cada historia é unha faísca que prende outra, e outra, e outra…

Duración: 60 minutos

Público: +13 anos

HERDANZA

“Unha sesión de contos tecida con anacos de vida de mulleres sinxelas”

Esta sesión está tecida con anacos de vida de mulleres de a pé que son grandes protagonistas nas súas loitas diarias e van deixando un legado digno para aquelas que aspiran a máis e mellor.

Duración: 60 minutos

Público: +13 anos