ATENEA GARCÍA O GROVE

Nacín nunha península desas arrodeadas de mar por todas as partes, non sabes? Disque as que nacemos en lughares coma este temos un carácter irleño. Non che sei, o único que sei e que conto porque me contaron…

 

Sobre
ATENEA

Atenea García é actriz, creadora escénica e narradora oral, titulada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. Funda, xunto ao músico e escenógrafo Nicolás Zamorano a compañía

Xarope Tulú, dedicada ao público infantil e xuvenil. Comeza a súa andaina como narradora oral no ano 2016 e na actualidade conta con catro espectáculos en repertorio para público familiar. En decembro de 2022 estreará o seu primeiro espectáculo de narración para o público adulto. Atenea traballa ademais como intérprete para outras profesionais formando parte da montaxe do Centro Dramático Galego: Neorretranca e posmorriña ou do espectáculo Mai Mai, da compañía Baobab Teatro. Recentemente ven de botar a andar o proxecto Mudar incluído no programa Mulleres en Acción: Violencia Zero.

Ademais é fundadora do colectivo Barriga e Muleta xunto ao bailarín Diego M. Buceta.

687 047 123

COROCHAS

Corochas é un espectáculo de pequeno formato dirixido á primeira infancia (0-3 anos), que combina a narración oral, a manipulación de obxectos e  a música. A través do conto acumulativo, da canción e xogo de imitación viaxaremos por diversas paisaxes e coñeceremos personaxes estrafalarias que deben resolver múltiples enredos.

Por que será que existen tantos xeitos de chamarlles ás corochas? Pode ser que a sensación para cada unha de nós é tan diferente que non somos quen de lles poñer un nome só? Ou será que as corochas só existen á beira do mar e as cóxegas no alto da montaña…

BAILEN AS VELLAS

Bailen as vellas os contos das cereixas é un espectáculo de narración oral para público adulto que reivindica a literatura,a música e a poesía de transmisión oral. En escena Vero Rilo e Atenea García intentan  trasladar o legado e a voz das que non calaron, das que cantaron e bailaron e así traelas aos escenarios.
Bulide lixeiras que comezan os contos das cereixas!

AS BEN DADAS

As ben dadas é un espectáculo de narración oral que fai un percorrido
polas disidencias sexuais na Galiza ao longo do tempo.
Esta proposta rexoubeira propón, a través do conto e as crónicas de
vida, un espazo no que visitar as marxes e onde percorrer vieiros
pouco explorados: as historias biográficas que poucas veces ocuparon
o centro dos relatos.
As ben dadas é un espectáculo folieiro que mediante o humor quere
contribuír a revisar os mitos sobre as disidencias sexuais. Esa
narrativa que afirma que as sexualidades non normativas son algo
recente, que agora aparecemos debaixo das alfombras e que o rural foi
un espazo moito máis hostil que a cidade para as persoas que non
encaixaban na norma… Se cadra é hora de darlle unha volta a esta
fábula e recordar de onde vimos!
Vide as que sodes ben dadas!