CARLOS REBOLO LUGO

Discípulo de José Campanari, gusta de escoitar a quen sabe do que fala.  Tardou anos en atopar o que non sabía que andaba a buscar: un oficio que lle permita vivir do conto.

Sobre
CARLOS

Intérprete, narrador oral, director de escena, docente teatral e cofundador das compañías Hipócrita Teatro e Ítaca Teatro. Formouse con profesionais como Mónica de Nut, Andrés Lima, Marion Sarmiento, Alicia Corral, Alfredo Sanzol, Nuria Inglada, Afonso Becerra, Tito Asorey, Areta Bolado, Carlos Neira, Cristina Domínguez, Ramón Langa, Ana Carreira, Yayo Cáceres, José Campanari ou Ana Vallés.

Os seus comenzos en Senlleiro, foron con montaxes como A barca sen mariñeiro, A cinta dourada ou A casa de Bernarda Alba, e coa Aula de Teatro Municipal de Lugo en O achado do castro, A loucura do Quijote ou Jaula de Grillos. Seguíu a súa andaina en Hipócrita, onde protagonizou Marco Antonio e Cleopatra, Hotel Desencanto, A turbia historia de Claudio e Mesalina ou Homes en escabeche, papel co que acadou o premio Manuel Lugrís Freire ao mellor actor de 2012. Colaborou con Achádego Teatro en Xustiza, a xusta!  e con Lusco e Fusco en Tolerías de Impro.

Con Ítaca Teatro protagoniza Cinco minutos sen respirar e Formigas no peto, así como os espectáculos de narración oral Anacos e Instrucións para tomar café, ao tempo que traballa para Pínconús Teatro na comedia musical Pínconús.

No audiovisual participou nas películas El año de la garrapata e El ladrón de reliquias, nas curtametraxes La gota que vació el vaso, La reunión e Pig Forkere, así como no videoclip Máscaras, onde foi o protagonista. No 2024 fixo tamén algunhas aparicións no programa LUAR da TVG.

670 875 211

ANACOS

As lembranzas van aparecendo nas nosas vidas sen pedir permiso. Un cheiro, un sabor, unha foto, os primeiros acordes dunha canción ou mesmo o silencio dunha tarde, calquera tarde, nos invade e nos convida a viaxar pola memoria. Así, pouco a pouco, van agromado imaxes que nos levan a outros tempos vividos e fannos andar por camiños xa transitados. Cando estamos en soidade adoitamos gozalos saboreando ese instante que flota no aire e se instala na alma. Cando estamos en compañía tratamos de reconstruílos con palabras para compartir as historias que se gardan neses anacos.

INSTRUCIÓNS PARA TOMAR CAFÉ

Carlos Rebolo, contador de historias, artella este novo espectáculo a partires de relatos do libro “Instrucións para tomar café” de Manuel Núñez Singala, editado por Galaxia.

Baixo o título homónimo, este espectáculo de narración oral reúne unha escolma de historias que falan de nós como seres humanos imperfectos.

En “Instrucións para tomar café” conviven a bondade coa mesquindade, o éxito co fracaso, o fortuito co intencionado, o real co imaxinado, nunha serie de retratos debuxados con humor e retranca.

ACHIFÁNFANOS

Achifánfano: dise de toda cousa, obxecto ou aparello aparentemente inservible que, por algunha razón, motivo, causa ou circunstancia un decide gardar, sen saber moi ben por que.

Esta é a definición que miña avóa usaba e que eu herdei dela. Quizabes por iso fun coleccionando tantas trangalladas ao longo da vida.

Quizabes por iso decidín recuperar anécdotas da miña biografía que, aínda pensando que non lle interesarían a ninguén, decidín gardar na memoria e hoxe compartilas con quen queira escoitalas.

Público: mozo e adulto

Duración: 55 minutos