CARMEN CONDE LUGO

Narradora oral, dramaturga e directora. É a metade de Tarabela Creativa.
Gústalle escoitar, recoller e contar historias comúns que alcanzan altas cotas de extraordinario.
Tamén lle gusta pronunciar en voz alta o longamente silenciado.
 

Sobre
CARMEN

Carmen Conde é filóloga pola USC e dramaturga e guionista pola ENERC (Buenos Aires).
Contadora con funcións nas dúas beiras do Atlántico. Autora de relatos breves infantís e adultos, humorista de comedia unipersoal con varios espectáculos dende 2004. Narradora oral autora de
«Premios Darwin” e de “Tabú”, entre outros espectáculos. Guionista en Dama Negra Films (“El Rastro del Cazador”). Cofundadora de Tarabela Creativa xunto a Diego Gallego, dende onde crean non só formatos escénicos, se non tamén audiovisuais (mini serie web “Premios Darwin”, serie dixital “Quéreme soar!”), así como a dirección artística, guión e presentación da IX edición dos
Premios Martín Códax da Música Galega. Profesora de Arte Dramático e directora da Compañía de Teatro USC-Campus de Lugo no curso 2020/21. Autora da obra “A Emperadora” para a
reprensentación da compañía universitaria. Investigadora, guionista e presentadora do documental “Acordamos”, dirixido por Uxía Senlle para a Área de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra. Dende 2009 imparte obradoiros de relato breve, poesía, micorrelato e narración oral.

665 699 204

TABÚ

Tabú» é o espectáculo de Carmen Conde que nace froito das conversas recollidas con
mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude. Un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú. Un tendal para poñer ó clareo todas as intimidades.

ASTROLABIO

“Astrolabio” significa “buscador de estrelas”. Durante unha hora convertímonos en buscadores de estrelas nunha viaxe ao espazo exterior. Nesta sesión facemos un percorrido para coñecer o ceo dende as diferentes culturas, mitos e lendas da Terra. Para contar estas historias, atravesamos o
deserto de Namibia, os pobos maia e azteca, viaxamos ata as aborixes australianas, ata os indios americanos, cruzamos a China ou ata a tribo dos Batammalibas. Baixaremos a lúa do ceo, teremos o Sistema Solar completo nas mans e mesmo veremos nebulosas de preto. Non hai cohete que nos leve máis lonxe e que sexa máis ecolóxico que os contos, así que a ese nos habemos subir para completar esta expedición!

QUEN TEN CÚ TEN MEDO

Nesta sesión dunha hora, para rapazada a partir de 6 anos, a meiga abrirá as portas da súa casa para impartir un «Cursiño de prevención de medos», con catro partes teóricas e catro partes prácticas. Na parte teórica, exploraremos catro seres mitolóxicos da cultura popular galega, a través da narración oral. Catro contos que ofrecerán todas as pistas para enfrontarse despois á parte práctica: catro xogos para levar a cabo todos aqueles antídotos contra o mal escoitados nas historias. Falaremos da Santa Compaña, do Lobishome, da Meiga Chuchona e do Tardo. E venceremos toda unha serie de desafíos que nos deixarán claras dúas cousas: o catálogo de seres que habitan a nosa fantasía e o feito de que, en realidade, estamos cheíñas de valentía. Por último, farase entrega do diploma que acredita que quedan desfeitos os medos presentes e aínda calquera do futuro. Rematando, por suposto, cun conxuro final.