CAXOTO CERVO
O repertorio de Caxoto, ten un pouco de todo como en botica; tradición oral, historias de vida, feitos históricos, contos de creación propia e algo de conto literario.
Dende que comezou a contar alá polo 2004 Caxoto ten percorrido varias veces todo o territorio galego

Sobre
CAXOTO
CAXOTO estivo dende sempre ligado aos espazos escénicos ben a través do teatro, da música ou do baile tradicional.
Os seus primeiros pasos na narración oral viñeron da man da Editorial Kalandraka alá polo ano 2004 e dende aquela aínda pasaría polas mans dun bo feixe de mestras e mestres na arte de contar: Paula Carballeira, Martha Escudero, Celso F. Sanmartín, Cándido Pazó,…
Se a esta formación lle sumamos todos estes anos percorrendo unha e outra vez Galicia, temos como resultado unha narración madura, intensa, emocional, retórica, chea de xiros e case sempre cómica cando non bufonesca.
Caxoto conta de ti a ti, sen falsas voces nin temas tabú. O seu contar é un diálogo co público; un espazo desbordante de imaxinación e improvisación onde cada función é un novo camiño por andar.
653 616 126


DE ALÓ DE ONDE EU VEÑO (PÚBLICO ADULTO)
«Eu non minto… todo o que eu vos conto é verdade» Esta é unha frase que Caxoto repite moito nas súas funcións e o certo é que nunca ninguén puido demostrar o contrario.
Para que unha persoa narradora conte sempre dende a verdade ten que forzosamente contar de si mesmo. E neste espectáculo iso é precisamente o que fai Caxoto: Contarnos quen é, de onde ven, das xeografías, das orixes, dos referentes, dos camiños escollidos e dos camiños rexeitados, das herdanzas, das tradicións,… unha viaxe ás raíces coa mirada retranqueira de quen xa comeza a estar un pouco de volta de todo… sen faltar á verdade.

GRANDES ÉXITOS: 2004 – 2024 (PÚBLICO FAMILIAR)
Neste ano 2024 Caxoto cumpriu 20 anos enriba dos escenarios contando contos por toda Galicia e media España. En todo este tempo o conto foi o principal ingrediente do seu traballo… pero non o único! Se os contos foron o sal, a música foi a pementa.
A través das cantigas tradicionais, dos xogos musicados, dos instrumentos peculiares,… Caxoto foi xuntando todo un amplo repertorio musical que vai dende o jazz chairego de Manuel María, á bossa nova mariñeira, pasando pola nosa rica tradición musical e as cantigas infantís de toda a vida. E todo acompañado de música instrumental en directo.
Un espectáculo divertido e participativo para todos os públicos… e todas as gorxas co que celebrar dúas décadas vivindo do conto.

LEVÁNTATE, XAN! (CONTOS PARA BEBÉS)
É noite na granxa de Xan. Soa un espertador. Como todas as mañás o galo érguese antes de que saia o sol, sube ao alto do tellado e disponse a cantar dándolle permiso ao Sol para que apareza destrás das montañas. Pero ese día algo sae mal. O galo non ten forzas para cantar; e se o galo non canta todo o mundo sabe que o sol non se levanta… Non será que Xan se esqueceu de darlle a cea aos animais antes de ir para a cama a noite anterior?
Unha función chea de animais, pequenas historias e cantigas para recrear o día a día na granxa de Xan.