CELSO FERNÁNDEZ LALÍN

Horticultor por herdanza, por gusto e por necesidade. De oficio agora, colleitador e contador de contos e historias de vida de tradición oral. Poeta.

Sobre
CELSO

Nacín en Lalín no 1969, estudei Filosofía en Santiago de Compostela, traballei dez anos como animador nunha residencia de persoas maiores, e son horticultor, lector, leñador, poeta, corredor de fondo, etnógrafo e ornitófilo, basicamente.

Contar é un oficio que todas temos

Levo recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida, coma calquera. Pero desde hai anos véñoas recollendo e acomodándoas, coa intención de contalas de cara a distintos públicos

Escoitar, conversar, colleitar, destilar, convivir, …

Empecei por casualidade e oportunidade. Continúo porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de literatura oral e de historias de vida, e ilo mostrándo e ofrecendo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables

A miña devoción son as persoas maiores, culturalmente refeitas na oralidade. Entre elas hai moitas que son contadoras intuitivas e intelixentes e atentísimas a todo. Devoción polo vivo interese que poñen nas historias, nos contos e nas memorias que contan. Devoción porque saben elaborar un momento, a partir dunha miga de tempo que se preste* ou inesperadamente. Aínda hai de momento en calquera lugar a onde se vaia,  persoas maiores que teñen a virtude de atraer a atención e mantela con historias pertinentes que, por acerto e valor específico, prenden entre os nosos recordos perennes, frescos coma da primeira hora

*(Hoxe por hoxe, as migas de tempo, os momentos que se prestaban a contar,  perderon bastante os seus “espazos naturais”: no día a día, en datas sinaladas, en épocas do ano… Temos outros enredos no seu sitio, outra medida do tempo. Fómonos deixando dese “costume natural”. Dese falar, contando ben contado e por contar) 

O meu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo. Tamén reinvento historias e contos, coma calquera…

Ás nenas e nenos, e á xente grande, intento contarlles ademais, que o que se conta non é unha cifra exacta-exacta, e que a lingua non se pode deixar que se poña de trapo, nin o corazón de pedra