INACIO VILARIÑO PORTUGAL
Habendo como hai tanta xente coa alma de madeira, como non imos querer estes seres de madeira con alma!
Sobre
INACIO
Fantoches Baj é unha compañía creada inicialmente en Portugal por Inacio Vilariño no ano 2006. Desde aquela o seu campo de interese céntrase no teatro de monicreques entendidos dunha forma ampla. Desde a proposta máis tradicional dos bonecos de luva e variña do primeiro espectáculo Tío Miseria (2007), a unha progresiva apertura a outras formas máis contemporáneas do teatro de obxectos como no seu espectáculo O Asombro (2010) ou a utilización do kamishibai xaponés en As Pombas de Carboeiro. Na actualidade son moitos xa os espectáculos no haber da compañía. Co seu espectáculo Os Golfiños e o xigante obtivo o premio Barriga verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil. Finalista dos María Casares 2026 coa obra Castelao. Un corazón á intemperie.
CASTELAO, UN CORAZÓN Á INTEMPERIE
Castelao, un corazón á intemperie é unha produción de Fantoches Baj para público infantil e familiar, unha proposta de narración oral, monicreques e música tradicional que busca dar a coñecer a Castelao entre os nenas e os nenos, reler e interpretar parte da súa obra e poñer en valor o galego.
Após a morte de Castelao o 7 de xaneiro de 1950, nun tempo no que en Galicia non era posible chorar a súa perda, o dramaturgo e director de escena Daniel Varela Buxán decide render, nun acto privado diante da súa veciñanza (o público), a súa particular homenaxe ao rianxeiro.
A VIAXE FELIZ DE RAMÓN SANFIZ
En 1927, Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco, emprenderon unha peregrinación de Ourense a Santo André de Teixido (Cedeira). Desa viaxe polos antigos camiños do país naceu o libro Pelerinaxes I, con textos de Ramón Otero Pedrayo e ilustracións de Vicente Risco.
Nesta montaxe de Fantoches Baj, Ramón Sanfiz, personaxe creada por Fernández del Riego en homenaxe a Otero Pedrayo, seguirá en triciclo o itinerario descrito no libro. Ao chegar a Santo André contaralle ao público presente no milladoiro o obxectivo e as peripecias da súa viaxe, mesturando deste xeito no relato a experiencia de Otero coa súa propia e coas lendas e contos do rico patrimonio oral polos que discorre o camiño.
NOVOS LOBOS
Novos lobos é un espectáculo de narración oral no que se aborda a igualdade de xénero e a non violencia desde a perspectiva das novas masculinidades. Nel, deconstrúense algúns contos da literatura popular coa vontade de ofrecer ferramentas que fomenten a paz e axuden a prever a violencia de xénero.
Ao pé dun minúsculo refuxio contra a chuvia e o vento, un pastor, Xan de Outeiro, cóntalle a un grupo de xente que anda de ruta pola montaña historias de lobos. Lobos que xa non meten medo, como o de San Froilán, quen trocou a súa ansia devoradora de carne pola dos libros, ou o lobo que non comeu a avoíña do pastor porque lle contou historias de cando estivo na Habana. Contos todos cos que se amosa que a tradición oral serve tamén para fomentar a paz e a igualdade.