INMA SOTO OURENSE
Contadora de historias. Alimentou o seu imaxinario no seo dunha familia numerosa; a pequena de cinco irmáns que comezou a falar – sen parar – para facerse oco na sobremesa. Contos que agroman da profunda admiración á NOSA NATUREZA: a paisaxe, a cultura e á nosa
lingua
Sobre
INMA
Inma Soto é Educadora Ambiental e contadora de historias, con máis dunha década adicada á divulgación da natureza. Emprega os contos como ferramenta educativa e lúdica para por en valor o noso patrimonio natural e cultural.
Estudou Ciencias do Mar en Vigo levada polo entusiasmo dun corazón aventureiro; e coa ansia de interpretar e valorar a nosa natureza sentiu a necesidade de completar esta formación co Ciclo de Xestión Forestal e do Medio Natural.
Os contos naceron para sensibilizar na protección e respecto polo medio, divulgar e dar a coñecer a nosa cultura; o conto apela a emoción!
Creadora de Xuri, o protagonista dun conto sobre lumes forestais. Da vida a trasnos, mouras e meigas. Participa de representacións teatrais para a posta en valor e coñecemento dos nosos saberes, dende o ciclo do pan a oficios como a olaría. Recentemente autoeditou “Xela, a superheroína de aldea”, un álbum ilustrado que acompaña un proxecto de Educación Ambiental.
653 381 549
XELA, A SUPERHEROÍNA DE ALDEA
Xela é a protagonista dun conto que forma parte dun proxecto de Educación Ambiental. Este conto foi ideado e deseñado como unha ferramenta para dar a coñecer e por en valor os recursos que existen no noso territorio; identificalos, sentir a natureza como unha oportunidade e facer que as nenas e nenos sintan fachenda do noso patrimonio natural e cultural.
“Xela quere mostrar un modelo respectuoso da relación das persoas co medio e conta as vantaxes de vivir nun espazo tan amable como é a aldea. Ela sabe que é moi afortunada porque ten ao pé da casa todo o que precisa para ser feliz, unha chea de espazo onde xogar, adestrar as súas habilidades, observar a natureza e aprender dela.
Queres acompañar a Xela nas súas aventuras e descubrir o valor da natureza?”
CASAS CON FUME, MONTE SEN LUME
“Co fume dun incendio, Xuri – un corciño nado esta primavera- non podía ver nada. Na procura dos seus pais vivirá unha aventura chea de aprendizaxe no seo do monte galego. Unha píntega, un teixugo, un peto e un orurizo guiarán ao pequeno corzo na súa andanza”
É un conto de sensibilización ambiental que busca vencellar ás miúdas á natureza e promover un pensamento crítico coas prácticas abusivas co medio natural.
O TRASNO TIRIZÓ (Nadal)
O Trasno Tirizó é un mensaxeiro do Apalpador que, preocupado pola perda de ilusión das nenas e nenos, trae a encomenda de conseguires os ingredientes da “Pócema do Arco da vella” que devolverá a cor, a maxia e a ilusión a todas elas. Pensaron que o Nadal era o momento máis axeitado para atopar os ingredientes e facer a beberaxe milagreira que devolve a ilusión a toda aquela persoa que a beba.
Daquela beberaxe sairan mundos fantásticos, soños incribles, ceas cociñadas e gozadas en familia, aquel xoguete que pasara por tódolos irmáns, aquela aperta da avoa que marchou hai uns anos a descansar na cadeira de Casiopea…