ISEO A MOURA
“A mitoloxía é o lugar onde viven as verdades que non collen nas modas”
“Os segredos da vida gárdaos a terra e cóntaos a Moura a quen teña oídos para escoitala e corazón para merecelo”
Sobre
ISEO A MOURA
Iseo Agilda chegou ao mundo da narración oral coma quen chega á nacional logo de levar horas de traxecto por pistas sen rozar. Filósofa de formación, educadora ambiental por misión vital, cantante de vocación, atopou na figura da Moura un lugar máxico e estrañamente familiar dende onde comunicar o que máis lle importa. Na mitoloxía galega atopou as verdades que a filosofía non soubo nomear sen incurrir en contradicións, as leccións que o ecoloxismo non foi quen de comunicar e a fondura que a relixión traizoou a cambio do poder mundano. Dende as historias de personaxes como a Moura ou a Apalpadora fai chegar relatos doutros tempos que enchen os ocos deste no que vivimos. Esta é a maxia da Moura, tecer coas palabras contadas e cantadas a malla que a todas nos une.
637 756 129
SE AS ÁRBORES FALASEN
Un incendio arrasa co monte preto da casa de Flora, unha nena namorada da fraga, que un bo día descubre que pode falar coas árbores e delas aprende como axudar á terra queimada a recuperarse. Para iso será preciso conseguir que todo o pobo se lle una. Se cadra as árbores nunca deixaron de falarnos, é só que esquecimos escoitar. Pero para iso están as Mouras, para lembrarvos as cousas importantes.
A GRANDEZA DO PEQUENO
Facerse pequeno mola. Se non, ollade para os dinosaurios, moita ansia por medrar e mirade como lles foi…
A nós estanos pasando o mesmiño. Crecer máis non sempre é mellor. Pero non temades porque están chegando mandas de xentes miúdas para axudarnos a entender que o que nos fai grandes ou pequenos non é o noso tamaño, senón a nosa e capacidade de soñar e de tomar decisións. Soñemos grande e fagámonos pequenos!
A APALPADORA E A NOITE MÁIS NOITE DE TODAS AS NOITES
Unha muller xigante baixa da montaña do Courel no solsticio de inverno, guiada pola infinita tenrura, que é cualidade principal de todos os seres máxicos, na procura das nenas e nenos da Galiza. Ela ten a lembranza da fame e dos tempos duros de frío e escuridade e é por iso que garda e vela os soños dos máis cativos. Mais tamén é ela lembraza de lareiras prendidas e contos na noite, da compañía vizosa que quita as penas todas, da axuda mutua das veciñas, do coidado da comunidade, tamén ela é lembranza da luz que xa non fai máis que medrar dende que se chega á noite máis noite de todas as noites.