LORENA PINHEIRO PONTEAREAS

Tírame moito compartir as historias da miña familia e airear os trapos sucios. Divírteme e faime sentir acompañada. Combino as súas historias con calquera tipo de conto, tradicional ou de autoría, que me faga suspirar.

 

Sobre
LORENA

Unha tarde na casa de Meder, sendo unha cativa de oito anos, vin entrar no eido un feixe de rapazada procurando un lugar no que poder ensaiar xotas, pasodobles e ribeiranas, e como a avoa era cantareira e o avó aturuxador todos os sábados abríanlle as portas como quen organiza un serán. Aí naceron as miñas primeiras amizades, os primeiros bailes e os primeiros bicos.

Na escola de Teatro Xerpo e a Sala Ingrávida de Porriño aprendín de artes escénicas e teatro comunitario. Construiamos unha serie teatral a partir das historias que cada mes, despois de representar cada capítulo, un xeneroso público nos entregaba.

 

O asociacionismo cultural e o activismo leváronme a estudar traballo social e un mestrado feminista. Anos despois decateime de que entendía o traballo social dende outro lugar e decidín exercelo combinando a narración oral coa participación comunitaria ao redor dos territorios, das súas memorias e desexos, co protagonismo da xente máis vella. Como unha necesidade constante de retornar a aquel eido aberto e cheo de vida no que me criei, só entendo a vida  en comunidade.

677 623 554

SEICA

Saladina é a protagonista dos feitos sucedidos en Meder nos anos 40.

A avoa era unha narradora natural e contábanos centos de historias nas que sempre destacaba os seus grandes dotes para namorar e desfrutar dos praceres da vida pero foi casar, dicía, e por algún estrano fenómeno ou feitizo, as cousas comezaron a revirarse.

Amores, foliadas, partos, curas e meigallos, baixo umha mirada actual, fan desta sesión unha proposta divertida, emocionante e retranqueira, acompañada de pequenas intervencións musicais. Adecuada para público a partir de 12 anos.

25 PASOS 25 PESETAS

Anos80. A aparición do teléfono público a Meder cambia a vida de toda a parroquia. Saladina pon en marcha o contador e acude á chamada espreitando tras da porta. Polas noites encende a radio para sentir a voz do seu querido Marcial e de cando en vez chamao dende o teléfono supletorio para intervir no programa contando algunha historia. Traballa sen paraxe salvo para ler a prensa e escoitar o parte na recén estreada Televisión de Galicia. Sesión chea de humor e lembranzas do que supuxo a mellora das telecomunicacións e chegada dos tempos modernos.

Recomendada a partir de 12 anos.

CUCÚ TAPA O CÚ

Espectáculo  cheo de xogos e enredos da nosa literatura popular: trabalinguas, adiviñas, recitados e cantigas dan forma a unha sesión de narración oral  chea de ritmos, onde as familias poderán adquirir ferramentas para brincar coas crianzas en calquera contexto e lugar. A lingua é o xogo máis accesible e versátil.

Actividade recomendada para familias con crianzas a partir de 4 anos. Adaptable a grupos de maior idade