MARÍA PONTRAGHA TORDOIA
Sobre
MARÍA
Leva vinculada á narración e á música dende xa hai ben de tempo e sempre celebrando a riqueza do noso patrimonio e a memoria colectiva do noso pobo.
606 255 341
CONTOS DE TASCAS, TABERNAS E OUTROS TUGURIOS
María da Pontragha conta neste espectáculo unha chea de viaxes nun espectáculo vertixinoso, acompañada da música máis tabernaria da man de Miguelón Paz.
Arredor da antiga estación de Ferrocarril da Pontragha a xente vai e vén; todo corre, pois o mundo non espera por ninguén. Mais, mentres os trens asubían e derrapan no camiño de ferro agroman coma cogumelos tascas e tabernas darredor que convidan á xente a parar un pouco, a alentar.
Alí o reloxo xa non anda, xa non conta, o tempo frea, e compártese a mesma barra coma irmáns, o único que corren son historias e risas, e a vida vaise bebendo, desfrutando do parar e o compartir, a pequenos grolos.
Sete tabernas houbo na Pontragha, todas diversas coma a xente que nelas paraba, tascas pequenas e humildes, acubillo dos que corren, refuxio de vidas e contos. E tamén houbo viño, sempre hai viño, viño e a cantar.
CONTOS ENTRE CORDAS
María da Pontragha e Bleuenn Le Friec achegan un espectáculo cheo de risas, contos e música. Un fío narrativo tecido entre cordas.
Contos entre cordas é un novelo de contos engarzados ás cordas dunha gran arpa clásica, e trae toda a intención, rompe prexuízos e barreiras sociais para traernos unha historia de amor ata o momento prohibida entre a literatura oral e a música clásica.
Abre a mente, os ollos e as orellas e déixate levar.
UNHA AREA DE SAL
para cantar, para bailar
bota a lingua fóra
e unha area de sal
Sempre conta miña avoa que cantar é fácil, só hai que ter lingua e botarlle unha area de sal, pois cantar é unha alegría.
As mans dela/s que tocaron e seguen tocando a pandeireta son as mesmas que poñen lume ao forno, as mesmas que amasan e cocen e as mesmas que estiman as súas netas.
E por esas mans pasaron tixolas, botellas, culleres, pratos, caixas da pizza e ata paquetes de macarróns, e non só por mor do traballo. Estes foron tamén convertidos en instrumentos improvisados para traer o caloriño ás cociñas. Mentres a vida corría entre trafegos elas nunca deixaron de cantar e foron así transmitindo a alegría, o amor e tamén a lingua.
Queredes que vos conte unha historia?
Comeza así, era unha ves unha vella que a todo lle botaba unha area de sal….