MARTA ORTIZ CANGAS
Sobre
MARTA
Estudei Maxisterio e Realización de Audiovisuais e Espectáculos e vivín en varias cidades ata que cheguei a Santiago de Compostela. Alí foi onde descubrín os contos contados.
No 2007, xunto co músico e narrador oral Brais das Hortas, fundamos a compañía Tropa de Trapo e comezamos a contar contos con música polos institutos de Galicia . Tempo despois, tamén para público adulto, infantil e familiar.
Dende 2017 comparto aventura como socia fundadora con outras tres compañeiras en Charlatana Cooperativa Galega de Artistas.
Conto soa e acompañada. Conto para todas as idades. Conto con obxectos, xogo co xesto, a rima e a música. O meu repertorio nace de contos tradicionais, de historias de vida, de recordos incompletos, onde realidade e ficción se entrelazan ata que non se sabe onde remata unha e comeza a outra.
670 207 744
TRALARÁ
Marta Ortiz xunta contos, cantigas e obxectos.
Contos de antes e de agora, cun pé para adiante e outro para atrás, bailando entre a tradición e a actualidade.
Tralará ten o ritmo no corpo, cos cantos e refráns, retrousos e rimas, xogos de palabras e contos versados. O ritmo que emana do propio contar, da lingua.
Marta Ortiz propón neste espectáculo cancións, contos rimados, trabalinguas, nos que xogaremos coa lingua. Contos acumulativos e encadeados, cos que sentiremos o ritmo dos versos e as sílabas. Cancións de mans e contos con lingua de signos, nos que afondaremos na xestualidade do noso corpo unha forma divertida e participativa.
Espectáculo de narración oral para público infantil e familiar.
CANTA, BUGINA, CANTA!
Soprando a nosa buguina, comezaremos a viaxe polo mar. Visitaremos illas onde viven caracois, galiñas poñedoras e vacas. Regaremos a herba. Xogaremos coa marea que sobe e baixa. Cantaremos cancións sobre a lúa e faremos barcos de papel para continuar viaxando lonxe.
Brincamos coa imaxinación recreando animais con obxectos, barcos e illas de papel, un mar de tea ao son da música e as palabras.
Canta, Buguina, canta! é un espectáculo para primeira infancia que ten como obxectivo xogar coa palabra ea poesia, coas cancións e contos, cos xogos visuais e sonoros que serán o berce da literatura.
Espectáculo de narración oral para primeira infancia (de 0 a 5 anos) e as súas familias.
CASA, CASIÑA, CASONA
Pum, pum!
Quen é? Quen chama á miña casa, casiña, casona?
Imos visitar casas grandes, diminutas, casas que caben na man, casas-zapato, casas de fío, casas-maleta que viaxan polo mundo…
Tamén imos coñecer aos seus habitates: animais que falan, obxectos cotiás e máxicos, familias diversas e asombrosas…
A casa é o símbolo do colo amoroso que nos acolle nos primeiros anos de vida, o colo que nos arrola, abraza e protexe. A casa é o fogar, o centro do mundo na primeira infancia. E está chea de portas e ventás que se abren ao mundo e que nos convidan a descubrilo. Cada quen ao seu ritmo, levada pola súa propia curiosidade.
Un espectáculo para primeira infancia e as súas familias baseado no asombro, a transmisión do amor a través da lingua galega e a palabra, dos primeiros cantos, xogos, cancións de dedos, trabalinguas, arrolos, poemas… que forxan os cimentos da casa que construimos ao longo das nosas vidas.
Espectáculo de narración oral para primeira infancia (de 0 a 5 anos) e as súas familias.