PABLO SÁNCHEZ A CORUÑA
Colle un pouquiño de contacontos, engádelle unha pinguiña de teatro, deixao ao baño María con animación á lectura, espolvorea un chisco de pantomima… e xa tes unha sesión de Pablísimo.
Sobre
Pablísimo
Fundada aló polo ano 2001 na Coruña, Os contos de Pablisimo é unha compañía especializada en narración oral e teatro infantil, creada polo actor, director, dramaturgo e contador de historias Pablo Sánchez.
Sempre na procura de novas linguaxes, os seus espectáculos de pequeno e mediano formato, toman sempre como base a literatura infantil a través de contos clásicos, contemporáneos e de creación propia.
A compañía leva producidos máis de 20 espectáculos misturando neles monicreques, música, sombras, máscaras, narración oral…Na súa longa traxectoria ten participado en diferentes mostras,festivais,salóns do libro e campañas de animación á lectura.
657 010 674
GABINETE MIRABILIA
Achéguense ao GABINETE MIRABILIA!!
Aquí poderán apreciar pezas moi peculiares, rarezas, abraios e as máis incribles curiosidades… marabíllense coa fauna imposible e as criaturas máis extravagantes da natureza! Contemple pequenas obras de arte e escoite misterios inexplicables. Nesta fantástica colección cada obxecto ten a súa historia ou… cada historia ten o seu obxecto?
GABINETE MIRABILIA é un espectáculo teatral e de narración oral inspirado nos cuartos das marabillas ou gabinetes das curiosidades, armarios ou pequenas estancias onde se coleccionaban obxectos encantados, aparellos científicos, antiguidades, exemplares exóticos e todo tipo de prodixios.
Esta particular colección dará pé a unha serie de relatos a medio camiño entre o real e a fantasía, entre o máxico e o científico, entre o engano e a diversión.
CABICIVAI
Unha bicicleta, un kamishibai e 3 caixóns dos
que pode sair calquera cousa!!
Cabicivai subindo e baixando!
Cabicivai de acó para aló!
Cabicivai levando as historias!
Cabicivai a outro lugar!
Cabicivai é un espectáculo sobre rodas…un ciclista viaxeiro comparte contos de todo o mundo co público sacando dos caixóns do seu kamishibai as cousas máis inverosímiles:
brinquedos, bocinas, potas, asubíos, matracas, receitas de cociña… A viaxe vai comezar!
CONTIARIO
No CONTIARIO collen todo tipo de contos: contos que empezan ao revés, contos con moitos finais, contos de nunca rematar, fábulas, cantos de cego, contos minúsculos, monovocalismos, contos canción… ti escoita e cando conte contos conta cantos contos conto!
Esta sesión amosa a grande variedade, orixinalidade e riqueza da tradición oral e da literatura infantil.