RAQUEL QUEIZÁS VERÍN
Sobre
RAQUEL
Nacín en Queirugás, unha pequena aldea preto de Verín (Ourense). Das historias que escoitaba aos meus avós xurde a miña paixón pola narración oral, pola lingua, pola lectura e polo teatro. Naquela época, sabía a hora exacta polo sol, xogaba con bonecas feitas con carozos de millo e hipnotizaba galiñas. A pesar da miña timidez, no patio do colexio reproducía para as miñas compañeiras e compañeiros esas historias escoitadas á carón da lareira.
Son actriz, monicrequeira, filóloga, e sobre todo, contadora de historias. O meu repertorio inclúe contos tradicionais, lendas de cada recuncho, adaptacións de contos de autor e historias propias. Nos meus espectáculos o público é un elemento fundamental, grandes e cativos entran a formar parte da historia. Nas miñas montaxes a participación activa e o humor son pezas clave.
600 670 740
TRAVESÍAS
Agardan por nós viaxes cheas de aventuras nas que coñeceremos a nenas e mulleres bravas que loitaron contra os prexuízos para conseguir os seus soños.
Ata fai moi pouco tempo os contos infantís reflectían un mundo onde os mozos eran sempre os heroes que salvaban a unha débil princesa. E case nunca aparecían mozas decididas e resoltas. Pero agora podemos contar con contos que transmiten valores de igualdade, de respecto e convivencia entre nenas e nenos e entre mulleres e homes.
Mudemos o conto!
ROMARÍA
Romaría é un espectáculo de narración oral onde as nosas lendas tradicionais achegan o mundo rural e antigo aos rapaces, descubríndolles un modo de vida descoñecido para os máis deles.
Queliña, unha nena de aldea, ten que rematar de apañar as patacas para que a deixen ir á romaría. Alí quedou cos amigos para brincar, bailar e facer carreiras de sacos. Cara á tardiña, antes de que remate a festa, todos os rapaces buscan a avoa Tareixa para que lles conte lendas, lendas para perder o medo.
NANOCONTOS
Para os nosos amigos, os animais, cada día é unha nova aventura chea de cousas que aprender, mentres xogan coas cores, as formas e a música. Porque cando se é tan pequeno ata as cousas más sinxelas se converten en todo un reto.
Os meniños reinventan o mundo cunha mirada que o ve todo pola primeira vez, abraiándose a cada paso, mentres aprenden novos nomes para os obxectos que acaban de descubrir.
Un espectáculo que estimula as habilidades de percepción espacial e psicomotricidade dos bebés a través de pequenas historias adaptadas para captar o seu interese e cunha duración apropiada á súa capacidade de atención.