AIDA COBAS PALAS DE REI

Actriz, formadora, narradora oral e creadora escénica. A súa necesidade de contar xorde dun profundo aprecio da lingua e da cultura propia. Gosta de compartir a través da palabra, historias onde os valores son protagonistas.
 

Sobre
AIDA

O meu medio de expresión, así entendín eu o teatro dende ben pequena sendo este a miña canle para dar voz a miña introversión e sensibilidade. Fun crecendo como así o facía a miña paixón pola interpretación e unha vez chegado o momento de decidir cal sería o meu futuro xa non cabían dúbidas.

A miña formación en arte dramática ademáis de ferramentas técnicas deume a oportunidade de comprender que o meu crecemento persoal e profesional ían da man. Con esta premisa, unha vez rematada a carreira decidín viaxar a Bos Aires, cuna do teatro contemporáneo.

Á volta, e ca miña vocación máis forte ca nunca, continúo a formación co máster de teatro e artes escénicas e comezo a adentrarme en diferentes proxectos. E así continúo ata o día de hoxe, comprometida coa profesión tanto dende a formación como dende a creación, tendo sempre presente a primeira frase.

626 645 875

A BONECA DE TRAPO

Contacontos infantil para crianzas de 5 a 12 anos sobre Igualdade. Mara e a súa avoa Lola pasan moito tempo xuntas e gozan de ler, escribir e contar diferentes relatos. Un día a Mara regálanlle unha boneca de trapo que se convirte no seu agasallo favorito e comeza a pensar en quen podería ser. Falando coa avoa descubre a vida doutras mulleres que cambiaron a historia e isto cambia a visión da nena e o futuro da súa boneca, así como, o dela mesma.

A FADA DO SACO VERDE

Contacontos infantil para crianzas de 3 a 8 anos sobre o coidado do medio ambiente. Erea é unha fada diferente ao resto xa que non posúe poderes máxicos e isto fai que se sinta mal e que o resto de fadas se mofen dela. Pero un día todo cambia cando os seres do bosque lle tecen un saco máxico no que pode gardar todo aquilo que manca o mundo e convértese así na fada do saco verde.

CANTARUXA CATUXA!

Contacontos infantil para crianzas de 5 a 12 anos sobre a tradición oral e musical galega. “Cantaruxa Catuxa!” repite Adolfina cada vez que a súa neta non a acompaña nas súas cantigas. Ela canta todo o tempo, en calquera momento e fai percusión co que teña á man. A Catuxa encántalle pasar tempo coa avoa, nunca se lle acaban as coplas e fan cousas moi divertidas por iso cando lle propón unha búsqueda do tesouro no faiado non o dubida.