ATENEA GARCÍA O GROVE
Nacín nunha península hai quen di que ese anaco que nos une á terra se chama tómbolo. Eu ben sei que me gustan os contos de salitre e que conto porque me contaron.
Sobre
ATENEA
Atenea García é actriz, creadora escénica e narradora oral, titulada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. Funda, xunto ao músico e escenógrafo Nicolás Zamorano a compañía
Xarope Tulú, dedicada ao público infantil e xuvenil. Comeza a súa andaina como narradora oral no ano 2016 e na actualidade conta con catro espectáculos en repertorio para público familiar. En decembro de 2022 estreará o seu primeiro espectáculo de narración para o público adulto. Atenea traballa ademais como intérprete para outras profesionais formando parte da montaxe do Centro Dramático Galego: Neorretranca e posmorriña ou do espectáculo Mai Mai, da compañía Baobab Teatro. Recentemente ven de botar a andar o proxecto Mudar incluído no programa Mulleres en Acción: Violencia Zero.
Ademais é fundadora do colectivo Barriga e Muleta xunto ao bailarín Diego M. Buceta.
687 047 123
COROCHAS
Corochas é un espectáculo de pequeno formato dirixido á primeira infancia (0-3 anos), que combina a narración oral, a manipulación de obxectos e a música. A través do conto acumulativo, da canción e xogo de imitación viaxaremos por diversas paisaxes e coñeceremos personaxes estrafalarias que deben resolver múltiples enredos.
Por que será que existen tantos xeitos de chamarlles ás corochas? Pode ser que a sensación para cada unha de nós é tan diferente que non somos quen de lles poñer un nome só? Ou será que as corochas só existen á beira do mar e as cóxegas no alto da montaña…
BICHOCAS
Bichocas é un espectáculo dedicado á primeira infancia (0 a 6 anos), onde os obxectos e a palabra nos fan viaxar a traverso do mundo animal. As protagonistas das nosas historias aprenderán nesta viaxe a importancia de seren diversas e a posibilidade de compartir coas demais os seus afectos.
LINGORETEIRA
Esa é unha lingoreteira- dicían. O que non sabían era que grazas a ela algunhas das historias que vos imos contar chegaron ata hoxe. Esta sesión de contos é unha homenaxe á lingoreteira que hai en nós, a esa parte nosa que permite que a palabra e a oralidade non morran de todo. Achegádevos que imos botar a lingua a pacer! Lingoreteira é un espectáculo para público familiar que combina a narración oral, a música e a manipulación dun monicreque. En escena, unha narradora e un músico fánnos viaxar por novos vieiros a partir da música e a palabra.