PAULA CARBALLEIRA TEO

Narradora oral profesional desde máis ou menos o ano 1994, é dicir, o pasado século. Tamén se dedica a outros oficios das artes escénicas e á literatura.
 

Sobre
PAULA

Paula Carballeira, nacida en Maniños (Fene. A Coruña), licenciada en Filoloxía pola Universidade de Compostela e cun Postgrao en Arte Dramática (Teoría e Práctica da Interpretación) na mesma universidade. Narradora oral profesional desde 1994, actriz e escritora. Como narradora oral, foi convidada aos principais festivais e eventos de narración oral nacionais e internacionais. Como actriz, é membro da compañía Berrobambán e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Como directora de teatro, levou adiante producións tanto para a súa compañía coma para outras. Como dramaturga, recibiu o Premio Laudamuco de Textos Teatrais no ano 2022, o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil os anos 2006, 2011 e 2018, foi Mención do Xurado no III Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural e finalista do Premio ASSITEJ (Sección española da Asociación Internacional de Teatro para a Infancia e a Xuventude) de Textos de Teatro. Ten máis de trinta libros publicados (álbum ilustrado, narrativa, poesía, teatro, ensaio) moitos deles traducidos a varias linguas: inglés, italiano, coreano, turco, alemán, chinés, portugués, catalán, éuscaro… algúns deles premiados e a maioría pensados tamén para a infancia e a xuventude.

652 197 599

CONTOS PARA ACABAR CON ALGÚN MEDO

Primeiro temos que saber como é o medo: grande ou pequeno, dos que aparecen cando non hai ninguén ao teu carón, dos que lle gustan a escuridade, dos que prefiren dar sustos… Para cada medo hai un remedio, e mesmo hai remedios que valen para todos: a risa, a música, a luz, mirar o medo cara a cara, fronte a fronte, directamente aos ollos.

Cando pensamos que perdemos a valentía nalgures, os contos axúdanos a recuperala. Só hai que lembrar o que lles aconteceu ás e aos protagonistas destas historias, non moi lonxe de aqui, non hai moito tempo.

O RÍO DA BRUXA

Sempre houbo, sempre hai, sempre haberá nenas que se enfronten a bruxas egoístas e perigosas. Ás veces, as bruxas conseguen arrastralas con elas, lonxe de todo, e afastalas da súa familia. Ás veces son as nenas as que conseguen que as bruxas non volvan molestalas. É cuestión de respecto. Grazas a esta historia sabemos que para atravesar un río sen risco só hai que levar unha canción na boca e un anaco de pan.

Por outra banda, en África, houbo un sapo que se atreveu a saír da súa charca para descubrir o grande que era o mundo. Non tiña medo, porque sabía que ao volver o recibirían cos brazos abertos.

Con estes contos, readaptacións tradicionais de pequenas historias contidas no “Ole Pechaollos” de Hans Christian Andersen, descubrimos que paga a pena atreverse a camiñar en solitario, para sorprendernos, atopar imprevistos e regresar diferentes de cando saímos, a equipaxe chea de fantasías, realidades, respostas e moitas máis preguntas.

MULLERES QUE VIVEN SOAS

As mulleres que viven soas son sospeitosas. Sospeitosas de amargura, de escuridade, de intencións ocultas. As mulleres que viven soas son bruxas. E, xa se sabe, as bruxas, coa súa falta de pudor e de límites, coa súa teima de liberdade e de coñecemento, asustan.

Nesta sesión de contos, as mulleres que viven soas son as protagonistas. Como na vida, provocarán tenrura, repulsión, admiración ou medo. Son a memoria dalgúns dos nosos temores e das nosas esperanzas.